GAÑAMOS AS ELECCIÓNS!!! (CARTA ABERTA AO BALONMÁN GALEGO)

Benqueridos amigos do Balonmán:

O pasado venres participáchedes na primeira elección presidencial nos 30 anos de historia da Federación Galega. A vosa asistencia masiva a este acto tan transcendente merece o meu primeiro agradecemento, pois mobilizar e dinamizar o balonmán galego foi un dos principais motivos que nos animou a presentar a nosa candidatura. Conseguir unha participación do 81%, con plena representación de estamentos tradicionalmente absentistas nos últimos anos (adestradores, árbitros e xogadores), déixanos unha sensación de éxito nese primeiro propósito.

Outro obxectivo que semella que tamén logramos foi o de poñer de manifesto que hai moita marxe de mellora, especialmente en áreas claramente deficitarias. Logramos que o Presidente electo recoñecese e asumise o noso diagnóstico da situación e fixese súas as máis importantes das nosas propostas: a necesidade de traballar doutro xeito, creando equipos que se responsabilicen das distintas áreas; a necesidade, tamén, de dotar á FGBM dun departamento de comunicación máis eficaz, de cara a ese obxectivo de incrementar a repercusión social do noso deporte; a imperiosa necesidade de reestructurar e potenciar as áreas técnica e arbitral. Nós fixemos o noso traballo de diagnóstico e de proposta e nos sentimos gañadores ao ver que se asumen os nosos criterios.

En definitiva, iso é o que nos importa: que o Balonmán progrese. Sabedes que en todo momento faleivos diso, do proxecto que pretendíamos desenvolver, das iniciativas que desexábamos levar a cabo, das áreas nas que queríamos traballar e como o queríamos facer. Que se faga é máis importante que que sexamos nós quen o faga. Incluso admitimos que pode haber quen o faga mellor que nós.

Confiamos na capacidade e na palabra de Pérez Ouro para, a partir de agora, poñerse a traballar neses aspectos, con esas novas formas e ánimos renovados. Conta ademais, co que ningún Presidente da FGBM nunca contou: o apoio explícito e aplastantemente maioritario do Balonmán. Tamén o noso. Nós estamos máis que satisfeitos con ter representado, na medida en que o puidemos ter sido, un elemento dinamizador, ter servido de toque de atención para evitar que a FGBM entrase nunha rutina decadente.

Estamos tamén moi satisfeitos da maneira en que puidemos desenvolver a nosa campaña e da acollida que tivemos pola vosa parte. Todos aqueles aos que acudín a presentar o noso proxecto recibíchedesme coa cortesía e amabilidade que agardaba, prestáchedesme atención e coincidíchedes comigo no esencial. As conversas que mantiven con vós resultáronme moi enriquecedoras e contribuíron a dar forma ao noso programa, no que puidéchedes ver recollidas as vosas inquedanzas. Só me laio de non ter podido chegar persoalmente a todos, e agardo que non o interpretedes en ningún caso como un desprezo. Os meus medios foron limitados (os meus recursos propios) e cheguei ata onde puiden.

Loxicamente, tamén quero expresar o meu agradecemento aos asembleístas que me honraron co seu voto. Síntome en débeda con eles. Agardo que lles compense o compromiso que o Presidente electo asumiu de traballar doutro xeito e volcarse nas áreas que sinalamos. A eles e a todo o Balonmán: MOITAS GRAZAS!!!

Emilio Pallarés.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario