ASí VAI O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SELECCIÓNS

O pasado venres 2 de xaneiro principiaron en varias localidades da provincia de Castellón os Campionatos e Copas de España de seleccións territoriais das categorías infantís, cadetes e xuvenís, tanto femininas como masculinas.

Os seis combinados galegos de cada unha das categorías compiten nos seus respectivos Campionatos de España, é dicir, nos torneos reservados aos equipos máis potentes, segundo a clasificación obtida no ano anterior polos seus predecesores.

Logo da desputa das dúas primeiras xornadas as seleccións galegas optan en case que todos os casos a clasificarse para cuartos de final como cabezas de serie.

A selección infantil feminina lidera o seu grupo tralas dúas claras vitorias colleitadas fronte a Madrid, o venres (34-21), e Navarra, o sábado (20-28). A diferenza de 21 goles a prol permítelles afrontar con comodidade o derradeiro partido do grupo fronte á anfitriona, a Comunidade Valenciana, hoxe domingo ás 18:00 horas.

En infantil masculino Galicia ocupa o 2º posto na clasificación provisional, igualado a puntos co líder, Madrid, o seu próximo rival, logo de gañar a Aragón (27-25) na primeira xornada e empatar o sábado co combinado castelán-manchego (24-24). O partido cos madrileños xogarase hoxe ás 12:00 h.

En cadete feminino as nosas caeron na segunda xornada con claridade diante do cadro local, a Comunidade Valenciana (36-26), pero manteñen as opcións de clasificación intactas logo da súa contundente vitoria sobre Euskadi na xornada inaugural (27-20). O partido das 18:00 horas con Castela-A Mancha decidirá a clasificación final deste grupo.

A situación máis comprometida é a que ten que afrontar a selección cadete masculina, logo das dúas derrotas sufridas contra Asturias (27-31) e Andalucía (27-29). Aínda así, os rexistros goleadores dos nosos permítenlles afrontar o partido decisivo fronte a Canarias en vantaxe, de maneira que o empate cos do arquipélago daríalle a terceira praza do grupo.

Nunha situación máis favorable atópase a selección xuvenil feminina, que recuperou o terreo perdido tralo debut fronte ás valencianas, (coas que perdemos 24-29), cun amplo trunfo sobre Asturias (31-22), que deixa a resolución do grupo con todas as opcións abertas no choque das 18:00 h fronte a Cataluña.

Malia a derrota sufrida na segunda xornada con Castela e León (36-34), o equipo galego xuvenil masculino ostenta a condición de selección máxima goleadora do campionato, pois aos 34 goles acadados fronte aos castelán-leoneses na segunda xornada hai que engadir os 41 que lle encaixou aos castelán-manchegos na primeira (41-33). Malia todo, convén non confiarse, posto que Andalucía, vindeiro rival e pechacancelas do grupo, non será un rival doado. O encontro celebrarase ás 12:00 h.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario