RIVAIS DE CUARTOS DE FINAL PARA AS SELECCIÓNS MASCULINAS

Disputados na mañá de hoxe os encontros correspondentes á terceira xornada do Campionato de España nas categorías masculinas, vén de celebrarse ás 17:00 o sorteo para determinar os emparellamentos de 1/4 de final.

En xuvenil, o equipo de Luís Montes, malia colleitar a segunda derrota (25-30 con Andalucía), fixo valer o seu potencial goleador (anotou 100 tantos nas tres xornadas) para resolver a súa prol o triple empate con andaluces e casteláns-manchegos e acadar a segunda praza do grupo A, por detrás de Castela e León, que gañou os seus tres partidos. O rival dos nosos na eliminatoria de cuartos de final será Navarra, un dos dous equipos procedentes da Copa de España. Os navarros chegaron a este enfrontamento logo de remontar a Melilla a dobre partido (perderon 24-28 o primeiro encontro cos norteafricanos e gañaron o segundo 29-17) e superar no cruce a Aragón (20-24).

1/4 final, xuvenil masculino: Galicia-Navarra, luns 05.01.15 12:00 h en Castelló de la Plana.

En categoría cadete, a selección galega resolveu o seu partido con Canarias de xeito contundente (40-23), no que se convertera nunha auténtica promoción de permanencia no Campionato de España, posto que ambas as dúas seleccións perderan os seus partidos anteriores. Disipada a ameaza de descenso, o enfrontamento de 1/4 de final ante Cataluña, primeiros do grupo B con 3 vitorias e un asombroso promedio goleador (113 tantos; 37 goles por partido), amósase como unha oportunidade de medirse a un dos grandes favoritos ao título.

1/4 final, cadete masculino: Cataluña-Galicia, luns 05.01.15 10:00 h en Onda.

Os infantís, invictos  nas dúas primeiras xornadas, apañaron unha derrota ampla, aínda que sen consecuencias dramáticas, diante Madrid (31-16), xa que o empate previo entre os combinados de Aragón e Castela-A Mancha permitiulles rematar en segunda posición no grupo B. O sorteo deparou como rival a Canarias, que como no caso do contrincante da nosa selección xuvenil tamén procede da Copa de España, onde contou por triunfos os seus enfrontamentos con Extremadura e Cantabria e no cruce con Navarra, amosando unha gran superioridade nos taboleiros de marcas.

1/4 final infantil masculino: Galicia-Canarias, luns  05.01.15 10:00 h en Marina D’Or.

As seleccións femininas completan arestora a súa participación na fase de grupos (as xuvenís xogan contra Cataluña, as cadetes contra Castela-A Mancha e as infantís contra a Comunidade Valenciana). Os resultados dos partidos das 16:00 horas xa lle deron a clasificación para cuartos de final aos tres conxuntos, independentemente do desenlace dos seus respectivos encontros. O sorteo celebrarase ás 21:00 horas.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario