RIVAIS DAS NOSAS SELECCIÓNS FEMININAS EN CUARTOS DE FINAL

A 3ª e derradeira xornada do Campionato de España de seleccións territoriais culminou co éxito da clasificación dos seis combinados galegos para cuartos de final.

A quenda vespertina reservouse para as categorías femininas. As tres seleccións galegas xogaron os seus partidos ás 18:00 h, coa vantaxe de saberse xa clasificadas en función dos resultados rexistrados nos encontros das xornadas anteriores ou das súas compañeiras de grupo na primeira sesión da tarde, ás 16:00 h.

A selección infantil foi a que colleitou un mellor resultado esta tarde, empatando coas anfitrionas da Comunidade Valenciana a 26 goles. Con este resultado e as súas dúas anteriores victorias (ante Madrid e Navarra), as máis novas das galaicas acceden aos cuartos de final como líderes invictas do seu grupo. Nesta rolda eliminatoria enfrontaranse a Canarias, que concluíu en 3ª posición no grupo B, por detrás de Aragón e Cataluña, relegando a Andalucía a acompañar no descenso á Copa de España á selección de Navarra, pechacancelas no noso grupo.

Infantil feminino 1/4 final Galicia-Canarias (05.01.15 16:00 h Oropesa del Mar)

As cadetes sufriron unha derrota moi axustada con Castela-A Mancha por 21-23 e remataron a súa participación no grupo A en 3ª posición. O sorteo emparellounos en cuartos de final con Cataluña,  2ª do grupo B por detrás de Canarias e por diante de Andalucía e Madrid, que descende á Copa de España, como Euskadi.

Cadete feminino 1/4 final Cataluña-Galicia (05.01.15 16:00 h P. Víctor Cabedo-Onda)

As xuvenís tamén saíron derrotadas no seu partido de hoxe, por 32-29 con Cataluña, e conclúen o grupo en 3º lugar, por diante de Asturias, descendida. No cruce de cuartos agarda Castela e León, líder do grupo A e principal favorita ao título, xunto coas anfitrionas da Comunidade Valenciana, pois ambas as dúas seleccións contan os seus respectivos partidos por vitorias.

Xuvenil feminino 1/4 final Castela e León-Galicia (05.01.15 18:00 h Centro de Tecnificación Vila-Real)

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario