AS INFANTÍS CAMPIONAS DE ESPAÑA!!! AS CADETES E OS XUVENÍS MEDALLA DE BRONCE!!!

Apuntade a data, 7 de xaneiro de 2015, porque sen dúbida o de hoxe é un día para lembrar. Un día no que se recolle o froito de moito e bo traballo durante anos dos clubs e dos técnicos e directivos da Federación Galega. É un día de colleita, pero tamén o é de sementeira. Estes éxitos de hoxe deben servir para reafirmarse no ben feito e aspirar a facer máis e mellor. Estes éxitos demostran que temos capacidade e saber facer para chegar ao máis alto. Son un éxito de todos os que traballaron por el: un éxito dos clubs, dos seus directivos, dos adestradores, dos compañeiros dos e das seleccionadas e seleccionados; un éxito da federación, da súa directiva e do seu director técnico; pero, sobre todo, é un éxito das rapazas e dos rapaces que integraron estas seleccións e dos seleccionadores que as dirixiron e os demais membros do equipo.

Hoxe podemos dicir felices e orgullosos que as nosas infantís fixeron á selección galega Campiona de España!!! E foi ao grande, derrotando na gran final ás anfitrionas, a Comunidade Valenciana, nun partido que dominaron inicialmente, no que chegaron ao descanso con vantaxe, no que viron como o seu rival conseguía empatar e no que non permitiron que lles pasara por diante, marcando novamente as diferenzas que, desta volta si, acabaron quedando reflectidas con xustiza ao final cun 25-22 que tinguía de dourado o nome das nosas xogadoras e do seu equipo técnico:

HELGA NÚÑEZ CHAPELA (C. BM. CANGAS);

UXÍA FERREIRO MONROY (A.D. CARBALLAL);

RUTH SÁNCHEZ FEIJOO (C. BM. PABELLÓN DE OURENSE);

SANDRA SÁNCHEZ FEIJOO (C. BM. PABELLÓN DE OURENSE);

SARA LÓPEZ COSTA (C. BM. LALÍN);

CELIA PEDREIRA JORDEDO (C. BM. LALÍN);

SANDRA BLANCO GARCÍA (C. BM. LALÍN);

SARAI ESPIÑEIRA SÁNCHEZ (A.D. CARBALLAL);

MARÍA LIDIA PORTELA CANCELAS (A.D. CARBALLAL);

ANA FERNÁNDEZ GÓMEZ (C. BM. CANGAS);

AITANA SANTOÉ SANTOS (C. BM. PORRIÑO);

ANDREA FERNÁNDEZ LOUREIRO (C. BM. SEIS DO NADAL);

ANTÍA PIÑEIRO IGLESIAS (C. BM. CANGAS);

ÁNGELA RODRÍGUEZ SUÁREZ (C. BM. SEIS DO NADAL);

GORETTI MIGUEL CRESPO (S.A.R.);

SILVIA LEIRAS ESTÉVEZ (C. BM. SEIS DO NADAL).

ALEJANDRO OCAMPO OCAMPO (SEL);

CINTHYA BELLO ESPIÑEIRA (AXTE);

MARÍA FRESCO SALGUEIRO (DEL).

As alegrías continuaron coas vitorias nas súas respectivas finais de consolación das seleccións cadete feminina e xuvenil masculina, que regresan a casa con senllas medallas de bronce.

As pupilas de Mónica Barreiro, a selección galega cadete feminina, fixéronse coa medalla derrotando con claridade ao conxunto castelán-manchego, co que xa tiveran oportunidade de enfrontarse na primeira fase. Desta volta, coa lección ben aprendida, a nosa selección colleu axiña o mando do partido e non o cedeu en ningún intre, chegando ao descanso cunha vantaxe de 6 goles (15-9) que incluso ampliou na segunda metade, chegando ao 31-23 final. PARABÉNS TAMÉN A ESTAS GRANDES CAMPIONAS!!!

Pola súa parte, a selección xuvenil masculina mantivo o elevado rexistro goleador que exhibiu durante todo o campionato e impúxose á selección madrileña, que estivo á altura e mesmo chegou por diante ao descanso (18-17). Na segunda metade, os homes de Luis Montes aumentaron a súa produción e acabaron vencendo por 33-40. Na celebración da medalla de bronce houbo unha dedicatoria especial a Miguel Casal, xogador do OAR da Coruña que desafortunadamente non puido formar parte da convocatoria e ao que tamén desexamos unha pronta recuperación.

As outras tres seleccións galegas, que xogaban polo 5º posto, tiveron sorte desigual. Unicamente a xuvenil feminina puido acadar o trunfo, impoñéndose a Navarra (25-21). Os infantís e os cadetes rematan en 6ª posición ao caer, respectivamente, fronte a Madrid (19-29) e Castela-A Mancha (42-36).

En resumo, o Campionato de España de seleccións territoriais 2015 representa un grandísimo éxito do balomán galego en todas as súas categorías, que lograron o obxectivo de permanecer na elite unha tempada máis e regresaron con dúas medallas de bronce e un título de CAMPIONAS!!!

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario