TRES DE CAL E TRES DE AREA: PASAN A SEMIFINAIS INFANTÍS E CADETES FEMININA E XUVENIL MASCULINA

Os cuartos de final do Campionato de España de seleccións atonómicas celebrados hoxe ofrecen un balance equilibrado para a expedición galega: tres grandes alegrías e tres pequenas decepcións (logo do brillante éxito que foi conseguir o primeiro obxectivo de pasar a esta rolda e consolidar un ano máis a presenza de todas as seleccións nas máximas categorías).

As alegrías viñeron da man das seleccións infantil e cadete feminina e xuvenil masculina, que acceden a semifinais.

As infantís, que comparecían invictas e coa condición de campionas do seu grupo de clasificación, enfrontáronse a Canarias, á que venceron por un contundente 29-16. As nosas ratifican con esta gran vitoria o favoritismo que lle conceden os prognósticos e agardan xa as semifinais diante do equipo catalán, que fora segundo no seu grupo e superou pola mínima (17-16) a Asturias, un dos equipos procedentes da Copa de España. A outra semifinal enfrontará a Valencia e Madrid, as outras dúas seleccións que se clasificaran por detrás nosa no grupo A.

Semifinal Infantil feminino: Galicia-Cataluña. Oropesa del Mar, 06.01.15 16:00 h.

As cadetes obtiveron igualmente o pase ás semifinais cunha brillantísima vitoria sobre Cataluña por 34-37. O próximo rival no camiño ao título será o Principado de Asturias, unha selección a ter moi en conta, pois malia chegar a cuartos dende a Copa de España foi quen de eliminar nesta rolda á anfitriona, a Comunidade Valenciana, que se presentou ao encontro logo de rematar como líder invicta no noso grupo de clasificación, endosándolle un inapelable 29-34. As vencedoras deste cruce enfrontarase na final ás do Canarias-Castela-A Mancha.

Semifinal Cadete feminino: Asturias-Galicia. Municipal de Onda, 06.01.15 16:00 h.

Os xuvenís tamén xogarán as semifinais cotra Cataluña, nun encontro que medirá as dúas seleccións máis goleadoras do campionato. Nos cuartos de final os nosos desfixéronse de Navarra, que viña da Copa de España, por 30-26. Pola súa parte, os cataláns, que xa dominaran con autoridade o seu grupo, asoballaron a Andalucía cun estratosférico 43-23. Na outra semifinal veranse as caras Madrid e Euskadi.

Semifinal Xuvenil masculino: Galicia-Cataluña. Centro de Tecnificación de Vila-Real, 06.01.15 12:00 h.

Menos fortuna tiveron as seleccións infantil e cadete masculina e xuvenil feminina, que logo de perder os seus respectivos partidos de cuartos de final deberán xogar polo 5º posto.

Os infantís foron superados por Canarias coa mesma claridade coa que despois serían vingados polas súas coetáneas (17-27). Agora optan a un 5º posto principiando por medirse a Euskadi, que procedente da Copa de España caeu coa Comunidade Valenciana. Os outros dous combinados que completan este cadro son Madrid e Aragón.

5º-8º (semi) Infantil masculino: Euskadi-Galicia. Marina D’Or, 06.01.15 10:00 h.

Os cadetes plantaron cara a un dos grandes favoritos, Cataluña, coa que sostiveron un intercambio de goles que elevou o taboleiro de marcas ata o 41-34 final, a prol dos cataláns. Tamén loitarán polo 5º posto a partir de mañá, enfrontándose en primeiro lugar ao Principado de Asturias, na que será a oportunidade de revancha da xornada inaugural, cando os veciños nos gañaran por 27-31. Os equipos procedentes da Copa de España, Aragón e Castela-A Mancha, completan esta parte do cadro.

5º-8º (semi) Cadete masculino: Galicia-Asturias. Municipal de Onda, 06.01.15 12:00 h.

As xuvenís foron derrotadas (33-22) pola grande favorita, Castela e León, que xa dominara con idéntica autoridade o seu grupo de clasificación. O obxectivo para as nosas a partir de agora vai ser o 5º posto, para o cal terán que loitar en primeiro lugar cunha selección canaria que foi eliminada pola mínima (36-37) por outra das grandes candidatas ao podium, Cataluña. Do partido entre Andalucía e Navarra, as dúas seleccións procedentes da Copa de España, sairá o seguinte e último rival do campionato.

5º-8º (semi) Xuvenil feminino: Galicia-Canarias. C. de Castellón, 06.01.15 10:00 h.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario