AS INFANTÍS NA GRAN FINAL!!!

Sen desmerecer a actuación de ningunha das nosas outras seleccións participantes no Campionato de España que se está a celebrar en varias localidades castellonenses, o titular de hoxe ten que ser este: AS INFANTÍS GALAICAS XOGARÁN A GRAN FINAL!!!

As integrantes da selección galega infantil feminina voltaron ratificar o seu excelente traballo obtendo unha contundente vitoria diante dunha das grandes potencias do balonmán estatal, Cataluña, á que dominaron de principio a fin e á que deixaron ao remate a unha distancia de 10 goles (27-17), que expresa con toda xustiza o que foi o desenvolvemento do encontro e a diferenza existente entre o xogo de ambos os dous conxuntos.

Na gran final do campionato terán ocasión de desfacer o empate co que finalizou o último encontro da primeira fase, posto que o seu rival será a Comunidade Valenciana, anfitriona do torneo. O partido disputarase en Marina D’Or, ás 10:45 horas.

As outras dúas seleccións galegas que compareceron nas semifinais non puideron acadar o mesmo éxito e afrontarán mañá unha derradeira oportunidade de regresar con medalla, disputando as súas respectivas finais de consolación.

A selección galega cadete feminina, como xa advertimos, atopou un rival moi serio en Asturias. A selección do Principado impúxose por 29-25 e xogará a final ante Canarias. As nosas, pola súa banda, loitarán polo bronce con Castela-A Mancha, rival contra o que tamén pecháramos a primeira fase, sufrindo daquela unha axustada derrota por 21-23. Mañá, coa medalla como gran recompensa engadida, chegará a oportunidad de revancha, ás 10:45 no pavillón Víctor Cabedo de Onda.

A selección galega xuvenil masculina tampouco puido superar a rolda semifinal, pois topou no seu camiño co potente combinado catalán. Nun impresionante intercambio de goles entre as dúas seleccións máis realizadoras do campionato, o taboleiro de marcas elevouse ata un rexistro de 40-31 a prol de Cataluña, que dominou o partido dende o principio, grazas a efectividade do seu contraataque nos primeiros minutos, mantendo en todo momento unha cómoda vantaxe. Pasada esta páxina pensamos xa na final polo bronce, na que o noso opoñente será Madrid, ás 9:00 horas no Centro de Tecnificación de Vila-Real.

Os outros tres combinados galegos loitarán polo 5º posto logo de sairen victoriosos dos seus partidos de hoxe.

A selección galega infantil masculina gañou o seu encontro a Euskadi por 21-22. Mañá loitará por rematar en 5ª posición no campionato fronte a Madrid, no pavillón de Marina D’Or a partir das 12:30, no mesmo recinto no que con anterioridade as súas compañeiras disputarán a gran final da súa categoría.

A selección galega cadete masculina bateu con contundencia a Asturias (31-22). Mañá optará a concluir no 5º posto enfrontándose a Castela-A Mancha no pavillón Víctor Cabedo de Onda ás 12:30, e tamén terán a oportunidade de apoiar ás súas coetáneas que loitarán polo bronce na mesma pista.

A selección galega xuvenil feminina loitará polo 5º posto contra Navarra, ás 10:45 no Municipal de Onda. Chegou a este encontro logo de impoñerse por un claro 32-26 a Canarias no seu encontro de hoxe.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario